Xerar conversación e conseguir clientes en twitter. O caso de Conservas Artemar.

Esta entrada é un exemplo de como podemos empregar twitter para xerar conversación, atraer clientes, difundir os nosos produtos e conseguir ventas. Non é moi orixinal nin novedosa para os usuarios habituados pero pode axudar ás persoas que din non atopar a utilidade desta rede social. Sigue leyendo

Cinco estilos de promoción turística en cinco países de Centroamérica

En 2013 disfrutei dunha das experiencia máis especiais da miña vida: a viaxe a Nicaragua dentro do programa Vacacións con Traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade.

Cando me confirmaron a participación nesta aventura descubrín que non sabía casi nada nin de Nicaragua nin do resto de Centroámerica. Tópicos, ideas vagas, unha pequena lista de nome e persoas relevante e pouco máis. Aínda menos sobre recursos, modelos, posicionamento ou oferta turística.

Sobre o terreo descubrín un país que aposta polo turismo e que, a pesar dos problemas,  conta cun gran potencial e ofrece grandes experiencias.  O Oceano Pacífico, o Caribe, os volcáns, a arquitectura colonial, a arqueoloxía e cultura indíxena, a ruta do café ou a da Revolución son os escenarios máis coñecidos e promocionados.

Sigue leyendo

Vacacións con Traballo 2013. Cooperación, Voluntariado e Turismo en Nicaragua.

“Vacacións con traballo” é un programa de voluntariado internacional dirixido ao persoal das administracións locais e provinciais que forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este ano acadou a oitava edición ofertando a posibilidade de participar en dous proxectos. Unha praza para un técnico de turismo en Nicaragua e outra de técnico en igualdade en Cabo Verde.

Coñecía o programa a través de outros compañeiros que estiveran tanto en Nicaragua como en Cabo Verde pero nunca me animara a participar. Nesta ocasión enviei a solicitude e carta de motivación e, tras unhas semanas de espera, fun seleccionado.  Por este motivo pasarei o meu mes de vacacións en Nicaragua.  Aloxareime nunha casa cunha familia local na  cidade de Somoto pertencente ao departamento de Madriz. O proxecto está liderado polo Instituto de Promoción Humana. Somoto, o organismo non gubernamental máis antigo de Nicaragua fundando en 1960.  Irei contando os preparativos da viaxe e sobre todo a experiencia sobre o terreo tal e como fixeron outros participantes como Diego Sánchez no ano 2011 e Lucía González no 2012.

Sigue leyendo

“Las provincias de España” ou como as ideas de 1905 conforman a imaxe dun “país” en 2013

Remexendo na miña biblioteca atopei un libro editado en 1905.  “Las provincias de España. Descripción gráfica, física y política de las mismas”. Mercado de segunda ou terceira man quedou perdido nalgunha das mundanzas que acumulo nos últimos anos. Está firmado por un tal doutor D. Modesto Hernández Villaescusa e a pesar das pretensións do título non é precisamente unha xoia da literatura.

Las Provincias de España. 1905

Las Provincias de España. 1905

O seu interese, alén do valor como documento histórico, está na sucesión de afirmacións tan contundentes como cómicas que conforman o texto. Chama a atención que forme parte dunha colección de manuais que se proclama de “gran interés lo mismo para el erudito que para el obrero estudioso”

Para que vos fagades unha idea do estilo e das “perlas” que atesora paso a reproducir algúns fragmentos da primeira parte adicada ao conxunto de España:

Geología y minas: Esta constitución geológica hace de nuestra nación uno de los países más ricos en minerales de todo el globo terrestre…

Riqueza pública: No hay en el mundo, por naturaleza, nación más rica que España, ni de hecho, nación más pobre. […] las risueñas colinas colinas producen, casi sin esfuerzo, verdaderas maravillas de vegetación, en tanto que las entrañas del suelo encierran tesoros inagotables. Sin embargo, la rutina y la indolencia de la agricultura y la ganadería, el horror a las explotaciones industriales, efecto quizá de la ignorancia general, la escasez de medios de comunicación,…. han sumido a la nación en la más degradante pobreza moral y material.

Vías de comunicación: El especial relieve del suelo de España opone el desarrollo de carreteras y ferrocarriles dificultades gravísimas; mas, por los mismo, ofrecen estas vías de comunicación un riqueza tal en obras de arte, como túneles, puentes, viaductos, desmontes y terraplenes, que no alcanzan a igualarlas todas las de Europa juntas.

Monumentos: España es un museo prodigioso de monumentos artísticos, pero un museo en ruinas. “Si todas ellas -dice un autor- se pusieran en pie por un momento, las mas orgullosas naciones resultarían pobres, fuera de Italia, con nuestro país comparadas.

Curiosidades naturales: Ninguna nación tan rica como España en maravillas naturales.

Queda claro que o autor non tivo a necesidade de sair da casa para escribir esté manual nin moito menos preocuparse por coñecer outros países para establecer semexantes comparacións. A idea inicial deste “post” era compartir estas curiosidades e comentar as referencias que fai ás provincias galegas pero unha reflexión posterior obrígame a escribir algunha cousa máis.

Resulta curioso que, máis de cen anos despois, sigamos escoitando este tipo de afirmación e que moitas fundamenten o discurso oficial da chamada  “Marca España” .

Portada da web "marca España"

Portada da web “Marca España”

No citado portal aparecen moitas frases que podría asinar perfectamente o doutor Villaescusa tales como: “Una de las claves de nuestro éxito radica en la fusión de tradición y vanguardia, pero también en el carácter de pueblo trabajador, con coraje, creativo, al que no asustan los retos y que cree en la solidaridad” Afirmacións baleiras de contido sustentadas en xeneralidades grandilocuentes similares as empregadas xa sen moito rigor en 1905. É recurrente a afición de presumir das obras públicas, pontes, viaductos e similares. 

Esta asociación de ideas é simple pero bastante clara para xustificar a urxencia de reflexionar de forma crítica para construir discursos alternativos adaptados ao mundo actual. Hai que buscar referentes distintos para trasmitir imaxes atractivas e serias capaces de xerar confianza. Rachar con vellos tópicos que non serven nin para inspirar chistes do estilo: “atópanse un alemán, un ingles e un español…”

Esta necesidade é tamén aplicable ao mundo do turismo, seguramente un dos sectores que máis influen e retro-alimentan a configuración da imaxe de marca dun páis.

Voltando ao libro de Villaescusa para revisar os apartados adicados ás provincias galegas atopamos algún que outro exemplo gráfico que apoia a nosa reflexión:

La Coruña: la ciudad carece de monumentos notables, siendo los principales la Colegiata y la parroquia de Santiago, el Instituto […] y la antiquísima Torre de Hércules de origen fenicio, hoy faro.

Lugo: antigua ciudad, rodeada de murallas que sirven hoy de paseo, con calles y plazas limpias y bien empedradas, numerosas antigüedades y ruinas de monumentos históricos.

Orense: tres cosas hay en Orense que no las hay en España: el Santo Cristo, la Puente y la Burga hirviendo el agua.

Pontevedra: ciudad situada al borde de la ría con el mismo nombre […] calles bien empedradas, anchas y rectas, plazas espaciosas y hermosos paseos

Un século despois, estas pobres referencias, escritas por un señor que posiblemente non pisou Galicia, están vixentes e son recurrentes nas guías e nos discursos turísticos. A famosa frase sobre Ourense que recolle o libro (lembremos de 1905) reprodúcese de forma casi literal, no ano 2013, na páxina de Turgalicia.

Referencia a Ourense na páxina de Turgalicia recalcando os mesmos símbolos do libro citado.

Referencia a Ourense na páxina de Turgalicia recalcando os mesmos símbolos que cita o doutor Villaescusa

Estou seguro de que se continuamos buscando atoparemos máis probas que confirman que non somos tan actuais e innovadores como pensamos. Evidentemente hay moitas referencias históricas e anécdotas e referencias que podemos aproveitar. Non se trata de despreciar o pasado pero si de revisar e peneirar as ideas que manexamos para separar o grano da palla.

En resumo, reflexionemos e busquemos referentes auténticos a partir da realidade actual observando con rigor os procesos históricos. Construamos novas imaxes e discursos renunciando a cómodos tópicos que xa non están vixentes. Arrisquemos e traballemos para atopar un lugar preferente como destino no imaxinario turístico. O noso futuro depende de que iniciemos esta tarefa canto antes.

Xirado desde a Francelos Business School (FBS)

Desmontando os “xeodestinos” turísticos (parte 1)

Levo uns días dando voltas para escribir unha entrada sobre a aplicación do concepto de “xeodestino turístico” en Galicia. Falo de aplicación pois a base teórica parece válida así como a definición que atopamos na Lei de Turismo de Galicia:

Xeodestinos: “áreas ou os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular”

Unha definición clásica que se aproxima ao concepto de “comarca” e que se pode aplicar a outros fenómenos ou actividades asentadas nun territorio concreto. Pode ser útil para acoutar, clasificar e organizar as áreas onde a actividade turística se manifesta con maior intensidade.

O erro está na aplicación. Para ilustralo lembramos unha frase que empregou o presidente da Xunta de Galicia durante a presentación do famoso mapa cos 16 xeodestinos:

“cada recuncho desta terra engrandece o destino Galicia”

Unha frase bonita e moi adecuada para un discurso institucional, incluso para introducir un programa do estilo de “Desde Galicia para el Mundo” pero desacertada para utilizar nun proceso de ordenación territorial do turismo.

Mapa de Xeodestinos de Galicia

Mapa de Xeodestinos de Galicia. Extraido do Blog de Turgalicia

A realidade é exactamente a contraria. A configuración e atributos dun destino turístico dependen de pequenas porcións de territorio e dunha reducida lista de elementos relevantes. Por este motivo, nun mapa a escala galega, deberían aparecer áreas “en branco” plasmando o feito de que existen moitos concellos que non aportan practicamente nada ao sistema turístico.

Alguén non entendeu que elaborar o mapa dos destinos turísticos galegos e moi diferente de dividir un mapa de Galicia en xeodestinos. Para a primeira opción tenderiamos que empregar conceptos como produtos, accesibilidade, áreas de influencia, escalas, equipamentos, entes xestores, imaxe ou actividade complementaria entre outros.

A Xunta escolleu a segunda opción centrándose nos recursos a partir da premisa de abarcar o 100% do territorio. Con esta metodoloxía retrocedemos 30 ou 40 anos e temos como resultado un mapa discutible, que non foi consensuado e imposible de aplicar en boa parte do territorio. A inadecuada división, a ausencia de entes xestores locais e a propia falta de actividade turística son algunhas causas.

Do mesmo modo que a simple existencia de peixes no mar non te convirte nunha potencia pesqueira, contar con patrimonio, paisaxes ou boa gastronomía non é suficiente para ser un destino turístico. Para planificar hai que ter en conta a complexidade do sector e a súas múltiples manifestacións tanto económicas, como sociais e ambientais. Partir de visións parciais e criterios obsoletos converten unha boa idea en fracaso.

En resumo, a Secretaría Xeral de Turismo perdeu unha oportunidade para dotarse dunha ferramenta adecuada para desenvolver as tarefas de xestión e coordinación da actividade turística que ten encomendadas. Agardo que nesta nova etapa se poidan reconducir algúns procesos e aplicar outros métodos de traballo que permitan, entre todos, mellorar a competitividade de Galicia como destino turístico.

P.D. No seguinte vídeo atopades a descrición de cada un dos xeodestinos

Xirado dende a FBS (Francelos Business School)

Fitur 2013 (día 1)

Prometín facer un pequeno resumo diario do meu paso por Fitur.

Esta primeira xornada foi de toma de contacto, paseos, saúdos e presentacións. Fixen todo o que tiña pensado facer e recibín unha boa noticia. O venres, e pendente de ratificación en asamblea, a cidade de Ourense entrará no Clube de Produto “Saborea España”

Nas seguíntes imaxes ilustro algunhas cousas que lograron captar a miña atención.

Gustoume atopar tanta xente participando en Fiturtech

Gran afluencia de público na primera xornada de Fiturtech

Gran afluencia de público na primera xornada de Fiturtech

Si queremos que a feira teña algún interese para empresas e  profesionais sobran moitas cousas;

Demostración dunha procesión e baile  nalgún lugar de Castilla la Mancha.

Demostración dunha procesión e baile nalgún lugar de Castilla la Mancha.

Epi e Blas

Epi e Blas

escanciador de sidra

escanciador de sidra

Mención aparte merece o stand de Melilla. Completamente incomprensible

Sin comentarios

Sen comentarios

Sin comentarios (detalle)

Sen comentarios (detalle)

Finalmente unha imaxe do stand de Galicia. Penso que vir a Madrid para repartir folletos e facer presentacións “en familia” non ten moito sentido no ano 2013.  Mentras non poñan outro sistema,…é o que temos!

Mostradores das cidades galegas en Fitur

Mostradores das cidades galegas en Fitur

Mañá será outro día e agardo contar máis cousas

Xirado dende Madrid.

Durmindo nun “hotel” de mil estrelas

Reservei un espazo no Autoxiro para contar algunha que outra experiencia viaxeira. Non serán crónicas nin consellos prácticos. Prefiro falar de situacións pouco convencionais, lugares cargados de simbolismo ou momentos que lembro dun xeito especial.

En algunhas viaxes empregamos a formula de (1) escoller un destino, (2) mercar un billete de avión e (3) improvisar. Un formato emocionante pero pouco recomendable se es una persoa que precisa ter todo baixo control. Esta falta de planificación provoca que deixes de coñecer moitas cousas dos lugares que visitas pero tamén permite vivir grandes momentos amplificados polo factor sorpresa.

Fai uns anos decidimos dar unha volta pola costa de Croacia. Nada máis chegar lamentamos non ter prestado algo de atención aos horarios de “ferries” e catamaráns e ao grado de masificación dalgún lugar. En consecuencia, pasamos varias noites sen atopar aloxamento. Os nosos ósos acabaron tirados na cuberta dun barco, no atrio dunha ermida, no banco dun paseo marítimo e nun parque sobre o Adriático. Non era a primeira vez que pasabamos por esta incomoda e potencialmente perigosa situación e sabiamos que era un dos prezos a pagar por viaxar desta maneira. Nestes casos, o recomendable é non lamentarse e aplicar o dito de “malo será”.

En contrapartida polas malas noites (realmente unhas poucas horas), pola dor de costas e polos mordiscos dalgún becho puidemos desfrutar duns amenceres máxicos que quedaron gravados para sempre na miña memoria. Madrugadoras e silenciosas estampas de Split, Hvar, Korcula ou Dubrovnik dende emprazamentos que nunca atoparedes nunha guía no apartado “onde durmir”.

Se non organizades minimamente a viaxe podedes rematar durmindo en sitios como estes:

Hvar

No atrio dunha ermida na ladeira dun monte.

Ferrie Split

Na cuberta dun barco navegando polo Adriático entre Ancona e Split. Nós durmimos no chan pero coincidimos con xente moito máis experimentada.

korcula

Na Illa de Korcula o albergue estaba ata os topes. Apenas durmimos pero “acampamos” unhas horas neste banco.

Con algo menos de ruído e vibracións, a cuberta do barco sería un lugar agradábel para durmir. Os outros son horribles. Un problema engadido é que sempre chegamos coa noite avanzada de modo que ata o amencer non teríamos a certeza do que nos rodeaba. Saíu o sol e, en canto asomamos a cabeza polo saco,  atopamos estas catro magníficas vistas.

spit

1. Despois de pasar a noite navegando polo Adriático avistamos a cidade de Split e a torre do famoso “Pazo de Diocleciano”

hvar

2. Amencer en Harv coas illas Pakleni de fondo. Sen palabras.

amanecer korcula

3. Ás cinco da mañá xa era de día en Korcula. O fermoso perfil desta vila e a proximidade do mar axudaron a esquecer a mala noite pasada.

dubrovnik

4. En Dubrovnik gozamos de case as mesmas vistas que o Adriatic Luxury Hotel Grand Villa Argentina pero moito máis incómodas e baratas.

Conclusión: Unha viaxe é unha ocasión perfecta para sacar sempre algo positivo de cada situación. Cando atopes un imprevisto, reláxate e non permitas que o agobio ou mal humor impidan disfrutar da maxia que agocha unha flor, unha posta de sol, unha conversa e, neste caso, un amencer.

P.D. Como nos anuncios, estas escenas foron rodadas por “profesionais” en situación controlada e formaban parte dunha viaxe “experimental”. Non intente durmir ao aire libre nun país descoñecido sen ser plenamente consciente dos riscos que asume. Recomendo pasar a noite en aloxamentos de confianza para asegurar unha boa experiencia evitando perigos innecesarios. De paso, contribuirá ao mantemento da economía local e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Xirado dende Ourense.